Economía
Malia que o sector agropecuario é a base económica do municipio, dando ocupación ao 76% da poboación activa, debemos falar dun antes e un despois da concentración parcelaria: con anterioridade, A Pastoriza era un municipio de economía estancada, onde a emigración constituía a única vía de saída á excesiva parcelación e ás malas comunicacións.
Posteriormente, a concentración das terras de labor permitiu o abandono das prácticas agrícolas tradicionais e, consecuentemente a modernización das explotacións así como a especialización gandeira, coa construción de novas instalacións e un aumento da produtividade do campo. Na actualidade, destaca a gandería bovina destinada á produción láctea e cárnica ademais das explotacións de recría de xovencas e dos sistemas de estabulación libre para o equino. Contabilízanse uns vinte milleiros de reses, tres mil cabezas na cabana porcina e mil na de ovino, cifras que converten á cabana gandeira da Pastoriza nunha das máis importantes da provincia de Lugo.
No que respecta á explotación forestal as grandes talas realizadas con motivo da concentración parcelaria limitaron as extensións dedicadas a este sector, aínda que se conserven algunhas plantacións de piñeiros e eucaliptos que substituíron aos carballos, bidueiros e ameneiros. Actualmente o terreo forestal ocupa o 65% da superficie total municipal. A industria relaciónase coa explotación dos recursos naturais da zona, destacando o sector extractivo e o de fabricación de materiais para a construción (ladrillos, lousas e pedra).
O sector servizos concéntrase na capital municipal e en Bretoña, dando traballo ao 8% da poboación activa
Industrias:
- Extractivas
- Fabricación de materiais de construción
Feiras:
- Reigosa, último sábado de mes.
- Bretoña, segundo sábado de mes.


